Fecha: 
03 / Maio / 2018

TRedess e Televés poñen en marcha unha canle de Ultra Alta Definición na TDT para a área de Santiago de Compostela

Subtitulo: 
RTVE e Cellnex Telecom colaboran no proxecto, que foi presentado hoxe no Centro Tecnolóxico da Corporación
Imagen: 
Texto: 

A televisión das emocións chega a Galicia da man de Televés. A compañía puxo en marcha unha canle de Ultra Alta Definición (UHD/4K) que emitirá durante seis meses na Televisión Dixital Terrestre (TDT) para a área de Santiago de Compostela. Trátase dun proxecto pioneiro que sitúa a Galicia na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía da televisión, e que permitirá realizar probas técnicas de cara á futura explotación comercial da UHD e outras funcións avanzadas da TDT, como a recepción en mobilidade.

A emisión foi presentada hoxe no Centro Tecnolóxico de Televés Corporación. O contido, que se aloxa na canle 33, é un documental de Radiotelevisión Española (RTVE) sobre Santiago de Compostela, dentro da serie Cidades Patrimonio da Humanidade. Colabora tamén no proxecto Cellnex Telecom, que aporta as instalacións do centro emisor do Monte Pedroso.

No acto de presentación, que contou cunha conexión en directo coa progamación da canle 24 horas de RTVE, interviron Santiago Rey, director xeral de Televés Corporación; Ramón Pallarés, director comercial Broadcast de Cellnex Telecom; Pere Vila, director de Estratexia Tecnolóxica e Innovación Dixital de Radiotelevisión Española (RTVE) e Juan Manuel Hidalgo, director de La 2. Asistiron tamén Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Antonio Fernández-Paniagua, subdirector xeral de Planificación e Xestión do Espectro de Radioeléctrico, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A tecnoloxía detrás das emisións

Para executar esta iniciativa, púxose en funcionamento un transmisor de media potencia (1,2KW) da gama Fourth series de TRedess, firma pertencente a Televés Corporación. Trátase dun equipo de última xeración, compatible co sistema DVB-T2 e equipado con tecnoloxía Ultra Wide Brand Doherty, que optimida a súa eficiencia enerxética.

O proxecto prolongarase durante seis meses e ten como obxectivo principal realizar probas de carácter técnico coa modulación DVB-T2 (TDT de segunda xeración), entre elas a recepción en mobilidade. Porén, a emisión pode ser captada por calquera televisión doméstica da área de Santiago de Compostela preparado para DVB-T2.

Trátase da cuarta experiencia de emisión en UHD que se realiza en España. Con ela, Santiago súmase ós centros emisores de Madrid, Barcelona e Sevilla, donde se efectuaron experiencias similares.

  • LinkedIn logo
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • Google+ logo